Estatutos


ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN

 

SINDICAL DE VETERINARIOS


FUNCIONARIOS DA XUNTA


DE GALICIA


(ASVEF)

 

TÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- A denominada Asociación Sindical de Veterinarios que prestan os seus servizos para a Xunta de Galicia (ASVEF) constituída ao abeiro da Lei Orgánica 11/1985, rexerase polos presentes Estatutos.

Poderá ser membro desta Asociación o persoal funcionario, interino ou laboral da Xunta de Galicia ao que se lle esixirá ser Licenciado en Veterinaria para poder posuír a devandita condición.

Artigo 2.- O ámbito territorial desta Asociación é o que corresponde ás catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia. O domicilio social fíxase no Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra, C/ Echegaray nº 10 2º Esqda. 36002. Pontevedra.

TÍTULO II

PRINCIPIOS

Artigo 3.

INDEPENDENTE. - É independente do Estado, dos partidos políticos e sindicatos obreiros, e pode asociarse ou federarse a outras organizacións irmás. A súa independencia vén dada porque a súa liña de acción, estrutura e funcionamento proceden das decisións tomadas e o control efectuado polo conxunto dos afiliados e porque se autofinancia coas cotas destes.

DEMOCRÁTICO. - Toda actividade da asociación estará presidida pola democracia interna.

Todos os cargos da asociación han ser elixidos polos afiliados, que poderán revocalos dos seus postos por decisión maioritaria.

PROFESIONAL. - Esta asociación agrupará ao persoal funcionario, interino ou laboral da Xunta de Galicia ao que se refire o Artigo 1 e ten como función a promoción e defensa dos intereses profesionais dos seus membros.

UNICO. - A asociación declárase fervente defensora da unidade libre e democrática de todos os afiliados do ámbito profesional e agruparaos no seu seo alén da súa filiación política ou relixiosa.

 

TÍTULO III

OBXECTIVOS

Artigo 4.

1) A defensa dos intereses profesionais dos seus membros en todos os ámbitos, xestionando cos poderes públicos a intervención dos seus representantes en todas as comisións que regulen ou poidan regular no futuro as actividades dos seus afiliados.

2) Representar aos asociados en todas as cuestións que se relacionen cos fins da asociación, mantendo relación con todos os organismos e entidades que entren no campo das súas actividades.

3) Loitar pola promoción social dos seus asociados.

4) Crear cantos servizos puideran resultar de interese para os asociados como editar publicacións, servizos de administración, estatísticas, xurídicos e fiscais.

5) A representación dos seus membros na negociación de convenios, folgas e cantas actuacións cumpran perante os Organismos da Administración .

6) Calquera outros que se decidan levar a cabo pola Administración.

TÍTULO IV

DA ASEMBLEA XERAL E DOS ÓRGANOS DE GOBERNO E ADMINISTRACIÓN

REPRESENTACIÓN

Artigo 5.- A Asemblea Xeral é o órgano soberano da Asociación. Nela tómanse as decisións xerais que afectan ao sector.

Artigo 6.- A Asemblea Xeral estará formada por todos os afiliados e reunirase en sesión ordinaria unha vez ao ano como mínimo. En sesión extraordinaria reunirase sempre que as circunstancias o aconsellen por iniciativa do comité executivo, ou ben dos afiliados que representen a un 50% dos membros.

As reunións faranse en primeira convocatoria ao asistiren a metade máis un dos afiliados e, en segunda convocatoria, cos membros presentes.

Artigo 7.- A convocatoria farase con máis de 10 días de anticipación á data fixada para a Asemblea, e reflectirá a orde do día, data e lugar de celebración.

Artigo 8.- Os acordos adoptaranse na Asemblea Xeral mediante o voto favorable dos presentes e en caso de empate decide o Presidente, de quitado nos casos de: aprobación e modificación dos Estatutos, disolución e integración noutras entidades, para o que cumprirá a maioría de dous terzos dos presentes.

Admítese o voto delegado (ata un máximo de dous por persoa.) e, tamén, o voto por correo.

O voto delegado, só se poderá presentar nas reunións da Asemblea Xeral, mediante representación por escrito. Ningún afiliado asistente á Asemblea Xeral poderá representar por escrito a máis de dous Afiliados ausentes.

Artigo 9.-

As funcións da Asemblea son:

1.- Aprobar e reformar os Estatutos.

2.- Aprobación dos programas de actuación e creación de los servizos e fondos.

3.- Aprobación da xestión económica do comité executivo anualmente.

4.- Elección dos membros do Comité Executivo.

5.- Fixación das cotas de entrada e periódicas dos afiliados.

6.- Control do comité executivo, actuación, xestión e cumprimento dos acordos da Asemblea.

7.- Resolver definitivamente sobre os acordos do Comité Executivo en caso de non admisión de solicitudes de afiliación a esta Asociación.

DO COMITÉ EXECUTIVO

Artigo 10.- O Comité Executivo estará formado polo presidente, vicepresidente, tesoureiro, secretario e poderá estar constituído por dous vocais por provincia. É o órgano encargado de levar á práctica os acordos da Asemblea. Funcionará colexiadamente e reunirase cantas veces cumpran e como mínimo, unha vez ao trimestre.

Artigo 11.- As funcións do Comité Executivo son:

1.- Representar á Asociación a todos os efectos.

2.- Informar periodicamente aos afiliados mediante boletíns.

3.- Administrar os bens da Asociación.

4.- Vixiar o seu correcto funcionamento.

5.- Levar a cabo a xestión ordinaria da Asociación en xeral.

O PRESIDENTE

Artigo 12.- O presidente, e na súa ausencia o vicepresidente; terá a función de representar e ser o máximo portavoz da Asociación, convocará e presidirá as reunións da Asemblea e do Comité Executivo.

TÍTULO V

DO RÉXIME ELECTORAL

Artigo 13.-

1.- Condicións de elixibilidade. Son condicións necesarias tanto para optar a un cargo, como para resultar elixido para el, estar ao día do pagamento das cotas e demais obrigas estatutarias.

2.- Electores. Todos os asociados elixirán entre eles ao presidente, vicepresidente, tesoureiro, secretario e dous vocais por provincia

3.- Duración do mandato. Os cargos hanse renovar cada 4 anos, celebrándose as eleccións cunha antelación mínima de quince días á data de finalización do período de mandato.

4.- O Comité Executivo convocará oportunamente as eleccións para a renovación de cargos, do que dará publicidade, e sinalará na convocatoria os prazos para a súa realización. As candidaturas poderanse presentar no prazo de quince días a partir do seguinte ao da adopción do acordo de convocatoria de eleccións.

5.- Dende a convocatoria de eleccións ata que os novos membros do Comité Executivo tomen posesión, actuará con carácter de provisional o Comité Executivo saínte.

6.- Presentación de candidaturas. Os candidatos deberán reunir os requisitos que sinala o punto 1 deste Artigo e solicitalo por escrito ao Comité Executivo. A solicitude farase en forma de candidatura conxunta.

7.- Proclamación de candidaturas. Ao día seguinte ao da expiración do prazo para presentación de candidaturas, o Comité Executivo reunirase en sesión extraordinaria e proclamará a relación das candidaturas que reúnan as condiciones de elixibilidade, abríndose un prazo de 48 horas para posibles reclamacións e corrección de erros, e unha vez revisadas proclamarase a relación de candidaturas definitiva. As votacións han ter lugar a partir dos 10 días seguintes.

8.- Queda prohibida toda actividade electoral que implique descrédito ou falta de respecto persoal aos demais candidatos e que estea en desacordo cos principios de carácter deontolóxico.

9.- No suposto de que só se presente unha candidatura, o comité executivo, previa comprobación de que esta reúne os requirimentos que establecen os presentes estatutos, proclamaraa como electa sen que proceda votación ningunha.

Artigo 14.- Procedemento electivo.

1.- A elección dos membros do comité Executivo farase por votación directa e secreta na que poderán participar todos os asociados con dereito a voto consonte ao disposto nestes estatutos.

2.- O voto ha ter que ser emitido persoalmente.

3.- A mesa electoral estará constituída, no día e hora que se fixe na convocatoria, por dous asociados e os seus respectivos suplentes cuxa designación farase por sorteo público entre todos os asociados con dereito a voto que non se presenten á elección. A aceptación é obrigatoria, agás causa xustificada. O Presidente da mesa e o seu suplente serán designados polo Comité Executivo de entre os elixidos e ha ser o máis novo o que actuará como Secretario. Calquera candidatura poderá nomear un interventor.

4.- Os votantes están obrigados a acreditar perante a mesa electoral a súa identidade. A Mesa comprobará a súa presenza no censo e introducirá a papeleta co seu sobre na urna.

5.- Serán nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren nas candidaturas aprobadas, así como as papeletas que conteñan frases o expresións distintas ás do nome e cargo do candidato proposto.

6.- Finalizada a votación dos asistentes e, en derradeiro lugar, a dos membros da mesa e os interventores, realizarase o escrutinio. En caso de empate, considerarase electo o candidato con maior antigüidade de asociado para o cargo no que se producira o empate. Do desenvolvemento da votación e do resultado do escrutinio levantarase acta asinada polos membros da mesa.

7.- Concluído o escrutinio abrirase un prazo de tres días hábiles para a presentación de reclamacións. A Mesa electoral haas resolver, e notificará a súa resolución no prazo de dous días hábiles. A continuación proclamará os candidatos electos. A acta de proclamación será subscrita polos membros da Mesa Electoral e remitida ao Comité Executivo en funcións.

8.- No prazo máximo de quince días hábiles despois de celebradas as eleccións, os cargos electos hanse reunir co comité Executivo saínte para a toma de posesión e traspaso de funcións. Desta reunión hase levantar a acta correspondente cos cargos xa establecidos.

Artigo 15.- Publicidade e Reclamacións.

1.- Tanto das listas electorais como das candidaturas, darase publicidade como mínimo na páxina web da asociación para atender posibles reclamacións no prazo que acorde o Comité Executivo ao convocar as eleccións.

2.- Resoltas as reclamacións, serán de novo sometidas a publicidade.

Calquera membro do Comité Executivo poderá presentar a súa dimisión avisando con 15 días de antelación como mínimo, sempre que sexa xustificado. Para cubrir estas baixas convocarase asemblea extraordinaria.

 

TÍTULO VI

 

Articulo 16.- Os recursos económicos da Asociación proceden das doazóns e axudas de todo tipo que poida recibir e das cotas dos asociados. A aceptación de doazóns e axudas non suporá contrapartida ningunha.

Artigo 17.- Os recursos económicos, sexa cal for a súa orixe, serán destinados ás actividades da Asociación. Calquera afiliado poderá recorrer ao Consello de Vixilancia cando o desexe, por si mesmo ou asistido por un asesor, e examinar os libros contables da Asociación.

Artigo 18.- A contía das cotas será fixada pola Asemblea Xeral. Estas cotas serán a fondo perdido e unha vez pagadas non serán devoltas en ningún caso.

Artigo 19.- A Asociación responderá con todos os seus bens das débedas contraídas e non poderán facerse extensivas aos seus asociados as responsabilidades que non contraeran persoalmente.

Artigo 20.- A Asemblea Xeral determinará as normas de administración e contabilidade de gastos, réxime de contratación e intervención que cumpran para que poida determinarse o carácter, procedencia, administración dos recursos, así como os medios que permitan dar a coñecer aos membros da Asemblea ou Asociación a situación económica da entidade.

Artigo 21.- No caso de disolución todos os bens e recursos da Asociación serán destinados conforme determine a Asemblea e poden ser repartidos entre os asociados.

TÍTULO VII

 

DOS AFILIADOS

Capítulo I.

DEREITOS E DEBERES DOS AFILIADOS

Artigo 22.- Os afiliados teñen dereito a:

1.- Elixir e seren elixidos para os órganos de goberno da Asociación.

2.- Informaren e seren informados das actuacións da Asociación.

3.- Participaren das discusións e na toma de decisións sobre todo tipo de problemas que afecten á Asociación, tanto na vida interna coma nas actividades exteriores.

4.- Beneficiárense de cantas actividades organice a Asociación.

Artigo 23.-

Os afiliados da Asociación teñen os seguintes deberes:

1.- O cumprimento dos presentes Estatutos.

2.- Defenderen e apoiaren as resolucións e acordos da Asociación.

3.- Participaren activamente nas asembleas e nas reunións para as que sexa designado polos afiliados.

4.- Pagaren as cotas e estaren ao corrente no seu pagamento.

5.- Gardaren segredo sobre os asuntos da Asociación.

Capítulo II.

DA ADQUISICIÓN E PERDA DA CONDICIÓN DE AFILIADO

Artigo 24.- Adquiren a condición de asociados as persoas que, ao cumpriren o requisito establecido no Artigo 1 destes estatutos, soliciten a súa afiliación a esta Asociación mediante escrito dirixido ao seu Comité Executivo, ao que lle corresponde resolver sobre a súa admisión.

O comité Executivo terá ao seu cargo un rexistro dos afiliados no que constarán os datos persoais e profesionais de cada afiliado.

Artigo 25.- Os afiliados poderán ser dados de baixa nos seguintes casos:

a) A petición propia

b) Por decisión do Comité Executivo (previa audiencia do interesado) nos seguintes supostos:

b.1) Por non pagaren as cotas sen causa xustificada.

b.2) Por incumprimentos graves dos Estatutos.

b.3) Por utilizaren os fondos sociais en beneficio propio.

b.4) Por realizaren actuacións que prexudiquen gravemente os intereses da Asociación ou dos afiliados.

 

A decisión de expulsión dun socio será sempre provisional en tanto no sexa ratificada pola Asemblea Xeral perante a que o afiliado poderá recorrer.

A suspensión provisional será por un mes.

TÍTULO VIII

CONSELLO DE VIXILANCIA

Son funcións do Consello de Vixilancia o control do libro de contas, de gastos e de caixa, e debe informar a calquera dos socios.

 

ADMINISTRACIÓN DE FONDOS

A administración de fondos deberá quedar rexistrada no Libro de Caixa, e poderán autorizar os ingresos e os pagamentos o presidente e/ou o tesoureiro, con dúas sinaturas de forma indistinta.

 

DILIXENCIA FINAL para facer constar que os presentes estatutos se redactaron coa inclusión das modificacións aprobadas na Asemblea Xeral de Asvef celebrada en Santiago de Compostela, o 11 de decembro de 2018.

 

 

    Escribenos: info@asvef.gal
asvef.gal
  Camiño Vello de Castella 4, - Pontevedra
36002 - Pontevedra