19-03-2020
Como ben sabedes, neste momento de pandemia por mor do coronavirus, a Xunta de Galicia ven de implantar uns servizos esenciais que teñen como finalidade garantir que a administración pública continúe desenvolvendo unha actividade efectiva e necesaria para toda a cidadanía.
Isto motiva que haxa centos de empregados/as públicos/as que teñan que acudir a diario ao seu centro de traballo para manter o funcionamento da nosa administración.
Estamos a falar do persoal directivo, da seguridade, do mantemento de edificios, comunicacións e outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información, do pagamento a provedores, das habilitacións, da gardaría forestal e ambiental, dos centros de recuperación da fauna e razas autóctonas, das propias do servizo de gardacostas de Galicia, dos servizos de alertas sanitarias en todas as súas modalidades, dos servizos de inspección de saúde pública e inspección ambiental, dos servizos de prevención e extinción de incendios de Galicia, así como todas aquelas que determinen os órganos directivos por considerárense necesarias para garantir a continuidade das funcións básicas.
Pois ben, dende o Sindicato de Empregados Públicos de Galicia queremos amosar o noso máis sincero agradecemento a todas estas persoas que están a poñer en risco a súa saúde coa única finalidade de prestar un servizo público.
Lembrade que SEPGA se mantén aberto a todos/as os empregados/as públicos/as para recibir calquera consulta ou denuncia por situacións que entendades que non se axustan ao estado de alerta sanitaria no que nos encontramos.
Confiemos en que estes momentos complicados duren o menor tempo posible e que as medidas que se van adoptando surtan os efectos desexados.
Un saúdo e moitas grazas a todos e todas polo voso traballo e esforzo.