26-05-2023
Postos en contacto coa Dirección Xeral de Función Pública para obter información en relación ao concurso da escala de veterinarios, transmítennos noticias pouco esperanzadoras, xa que é moi pouco probable que poida ser convocado este ano 2023, debido segundo a devandita fonte á cantidade de procesos que ten en marcha este departamento, motivados moitos deles pola aplicación da lei 20/2021, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Aínda que recoñecen a necesidade deste concurso, os medios cos que conta a citada dirección xeral, aínda que foron reforzados recentemente, non son suficientes para abordar outros procesos.
Dende ASVEF trasladóuselle que, dado que o último concurso para esta escala data de 2012, e que este foi o primeiro concurso desde o ano 1994, estamos ante unha situación bochornosa, na que, de novo, supérase a cifra de máis de dez anos para un novo concurso, coa lóxica consecuencia que esta situación xera: comisións de servizo, adscricións provisionais, interinidade, interinidade e moita interinidade e hastío por parte das persoas empregadas públicas desta escala.
Desde ASVEF seguiremos sobre o tema, para sumar esforzos para tentar solucionar este tipo de situacións e solucionar as ineficiencias deste tipo que son tan habituais na administración autonómica galega. De igual xeito trasladaremos a SEPGA que se presione en aras do tan falado establecemento do concurso permanente así como do concurso específico para prazas de Niveis 28 que aborden a profesionalización da administración e reduzan ao máximo as libres designacións.
Saúdos.