NECESIDADE DUN NOVO ACORDO VETERINARIO


07-03-2024

foto  NECESIDAD DE UN NUEVO ACUERDO VETERINARIO

En relación co Acordo para a mellora da prestación de servizos veterinarios no ámbito da Xunta de Galicia (en diante Acordo), ASVEF, como organización representativa maioritariamente do Corpo Facultativo Superior da escala veterinaria, instou á organización sindical SEPGA, para que solicitase novamente a súa adhesión ao Acordo co fin de facer chegar as reclamacións, preocupacións e melloras para a profesión.

Recentemente recibimos a resposta á devandita solicitude, que vos anexamos, nas que as catro organizacións sindicais que asinaron o acordo rexeitan a solicitude indicando que negan a potestade de SEPGA de ser representativa neste ámbito así como que non cumpre os requisitos, pois é un Acordo negociado e aprobado (en 2008) no ámbito da Mesa Xeral de Empregados Públicos, cando o Acordo recolle condicións unicamente dirixido a funcionarios (non laborais) e SEPGA é un sindicato que representa aos funcionarios e ten representación na Mesa de Funcionarios.

Chama a atención, que as distintas organizacións sindicais, que habitualmente adoitan estar en desacordo, únanse para impedir a representación de SEPGA, organización sindical que máis coñecemento ten da realidade da profesión veterinaria en xeral, e en particular dos servizos veterinarios oficiais, dende un punto de vista exclusivamente profesional e sen cuestións políticas.

¿Alguén sería capaz de indicar mellor as queixas, proposta de melloras, reunións da Comisión de Seguimento que establece o Acordo que servisen para mellorar as condicións ou transmitir as necesidades e preocupacións que tedes no desempeño do voso labor profesional? ¿Alguén sabe de algunha queixa ou suxerencia que fora atendida e cursada para dita comisión, ou información acerca da celebración de reunións da comisión de seguimento do Acordo, por parte das OOSS que forman parte de dita comisión e que tivera algunha significación?

É particularmente singular que se argumente que se trata dun Acordo de Mesa Xeral cando no ano 2008 había organizacións sindicais que non se crearan, non se convocaba a Mesa de Funcionarios, xa que non era necesaria, pois as únicas organizacións sindicais con representación significativa no ámbito dos funcionarios, eran as catro que asinan o escrito conxunto de rexeitamento. Non hai que esquecer, que SEPGA obtivo o terceiro posto en delegados no ámbito dos funcionarios nas pasadas eleccións, a pouca distancia da segunda organización sindical, a pesar de presentarnos soamente en tres provincias.

Sen estendernos máis, parece que esta actitude corresponde a un ánimo de seguir repartíndose o queixo sindical máis que a unha verdadeira intención de que as cuestións que afectan a unha escala tan importante como a veterinaria poidan ser discutidas e analizadas por organizacións cunha adecuada representación na devandita escala.

Ante esta situación, e tendo en conta varias circunstancias que conflúen no Acordo veterinario, desde ASVEF entendemos que debemos traballar pola consecución dun novo Acordo que responda a todas as necesidades e inquietudes do colectivo veterinario, e que nestes momentos, está “bloqueado” polo resto de organizacións sindicais.   

Neste sentido, mañá publicaremos unha explicación acerca de por qué se debe negociar un novo Acordo. Asi mesmo, informámosvos, que estamos a solicitar e manter reunións coas secretarías xerales técnicas das consellerías nas que hai presenza da escala veterinaria, coa intención de manifestarlles esta cuestión, así como outras demandas. Entre estas, a mellora da formación das distintas consellerías e a EGAP, que entendemos que non está á altura das necesidades, reclamar unha mellor prestación e períodos máis breves de tempo para suplir as baixas de longa duración, así como as producidas por xubilación de tal forma que non se sobrecargue de traballo ao resto de veterinarios dos distintos servizos, áreas e comarcas.

Así pois, desde ASVEF queremos saber o que pensan os seus afiliados respecto a esta cuestión do Acordo, cales serían os pasos que creedes que se deben dar, aos que está disposta a profesión e cales son as situacións ás que levou este Acordo actual e o seu deriva en canto á aplicación do mesmo. Atopamos moitas desigualdades na súa aplicación por provincias, remuneracións por actuacións programadas ou extraordinarias, desempeño en matadoiros nos que parece que a autoridade competente para establecer horarios aos inspectores é a empresa …

Por iso, esperamos os vosos comentarios, solicitamos que difundades esta información entre o resto do colectivo que non sexa socio de ASVEF e que se dirixan as respostas ao seguinte correo:

asvef@info.gal

Asunto: Melloras Acordo

 

Grazas por anticipado, recibide un cordial saúdo.





    Escribenos: info@asvef.gal
asvef.gal
  Camiño Vello de Castella 4, - Pontevedra
36002 - Pontevedra