REUNION COA CONSELLERIA DE SANIDADE


20-03-2024

foto  REUNION CON LA CONSELLERIA DE SANIDADE

O pasado 14 de marzo, representantes de ASVEF e de SEPGA asistimos a unha reunión que días antes solicitamos á Consellería de Sanidade coa finalidade de transmitir as inquedanzas que se observan na escala facultativa de Veterinaria, así como de informarnos acerca da situación de cuestións que afectan aos servizos veterinarios oficiais que realizan o seu desempeño na Dirección Xeral de Saúde Pública.

 

Antes de comezar, queremos agradecer a pronta resposta da vicesecretaría xeral da consellería á nosa petición de reunión, así como a dispoñibilidade para manter a mesma, que se desenvolveu nun ambiente de cordialidade.

Por parte da consellería de Sanidade asistiron o vicesecretario xeral técnico e a subdirectora de programas de control de riscos ambientais para a saúde.

Respecto das cuestións abordadas na reunións vos indicamos:

RPT da Dirección Xeral De Saúde Pública da consellería de Sanidade.

Indicamos que existe inquedanza entre o colectivo veterinario debido aos rumores de que a pesar de que hai moito tempo que existe un proxecto de modificación que afecta aos SS.VV.OO, non se acomete e é o motivo polo que se vai atrasando o concurso da escala veterinaria que xa leva dende o 2011 se ser convocado e hai moitos funcionarios que superaron procesos selectivos no ano 2018 e 2022 que se atopan aínda en destino provisional.

Cabe indicar que conforme á información que circulaba de forma previa a esta reunión, e que se comentaban entre os servizos veterinarios oficiais, as modificacións atinxen a:

 

  • Modificación das prazas de Directores técnicos sanitarios nos ámbitos provincias, de xeito que se disporán na súa totalidade nos servizos provinciais, en lugar de nas zonas.
  • Creación de prazas de coordinador en matadoiros que conten cunha dotación ou cadro de inspectores veterinarios por riba dun determinado número.
  • Ampliación do ámbito de actuación dos inspectores veterinarios de saúde pública á zona en lugar de a comarca, cuestión que indicamos que preocupa moito no ámbito de ditos inspectores e que debería ter algún tipo de contraprestación.

 

Neste tema nos informaron que, efectivamente, xa hai tempo  que se ven traballando nunha proposta de modificación de RPT, sempre en liña cos tempos marcados de acordo coa Dirección Xeral de Función Pública, e que se atopan a disposición da mesma para proceder a dita modificación canto antes, indicando que non obstante a cuestión do concurso ordinario non é da súa competencia, mostrando porén que entenden a situación debido ao tempo transcorrido dende a anterior convocatoria. De feito consideran que é conveniente que se realice co fin de dar estabilidade ao persoal, tanto polo concurso como pola incorporación do persoal en destino provisional a unha praza definitiva.

 

Acordo para a mellora da prestación dos servizos veterinarios oficiais.

Se ben o acordo ten un ámbito global respecto dos servizos veterinarios, transmitimos as cuestións que afectan aos inspectores veterinarios de sanidade, tanto de saúde pública como de matadoiros e lonxas, respecto a un acordo do ano 2008, que se ben foi pioneiro no seu momento, se atopa claramente desfasado, con cuestións que probablemente se atopan superadas pola normativa laboral, de conciliación e da organización das necesidades actuais.

Relatamos aquelas cuestións principais que nos trasladaches, con especial atención aos aspectos dos inspectores de matadoiro, debido á peculiaridade de prestar servizo de funcionario nunha entidade privada, en moitas ocasións teñen condicións de traballo e horarios e que non se atopan correctamente recoñecidas no actual acordo.

Os representantes da consellería escoitaron con interese e tomaron nota de cuestións que se poden mellorar de maneira rápida relativas a cuestións de material, e manifestaron que sobre o que coinciden con este sindicato é na conveniencia de traballar nestas melloras o máis axiña posible ao igual que sobre o acordo veterinario, e outras posibilidades.

Por parte de ASVEF y SEPGA se informou que a posición é que o mellor sería a negociar un novo acordo que aborde á prestación de servizos extraordinarios dende una perspectiva actual, tendo en conta a evolución das distintas normativas no ámbito laboral e administrativo, así como no social, e aclarando e perfeccionando moitas cuestións que non quedan claras no actual acordo.

Para concluír estes apartados tanto dende ASVEF como dende SEPGA indicamos que a situación actual recomendaría unha negociación conxunta e urxente da RPT e do Acordo, para non incluír unicamente aqueles puntos que se derivan dos cambios na RPT senón para conseguir unha situación global de unhas RPT axeitadas e un novo acordo veterinario que ofreza unha resposta as necesidades actuais e á situación actual das funcións e obrigas extraordinarias que teñen os servizos veterinarios oficiais, todo isto de cara a solucionar estas cuestións de xeito rápido antes de proceder a realizar o tan necesario concurso ordinarios da escala veterinaria.

 

Formación no ámbito da inspección da saúde pública e da inspección en matadoiros.

Aínda que a situación da formación do persoal inspector no ámbito da consellería de sanidade non é tan escasa como a que se pode observar en Medio Rural, solicitamos que se ofreceran un maior número de opcións de formación, específicas e que se impartisen por especialistas doutras administracións ou organismos que teñen moita experiencia e aportarían novidades e novos enfoques aos tradicionais cursos que se organizan contando con persoal propio. Así se propón que se organicen cursos con persoal da AESAN ou organismos semellantes orientados á necesidades e retos que se van presentando na tarefa e na problemática dos inspectores, unha formación que recolla procesos tecnolóxicos que se apliquen en industrias e empresas que deben ser inspeccionadas polos servizos veterinarios.

Por parte dos representantes da consellería manifestouse un verdadeiro interese en detectar cales son as carencias e enforques a mellorar así como as necesidades respecto da formación, se ben transmitiron o esforzo e a complexidade de organizar actividades formativas, e acordamos transmitir cara á consellería as necesidades concretas e propostas neste senso.

En calquera caso, esta situación reafírmanos na necesidade de que nas consellerías exista un organismo encargado da xestión das actividades formativas que descargue aos centros directivos das cuestións burocráticas e orzamentarias que trae organizar ditas actividades, e así evitar a sobrecarga dos directivos, facilitar unha maior oferta de cursos.

 

Cobertura de prazas vacantes, peticións de días de asuntos particulares.

Manifestamos que é necesario proceder á cobertura das prazas nas que se produce xubilación da persoa ou ben nas que existe unha baixa prolongada, xa que se tarda tanto en cubrir, coa sobrecarga das persoas que se atopan nesa unidade.

Non obstante debemos indicar que dende ASVEF e SEPGA detectamos que as demoras de ata cinco ou seis meses nestas cuestións se producen no ámbito da Dirección Xeral de Orzamentos da Consellería de Facenda, xa que o resto de unidades implicadas (persoal das consellerías, función pública) realizan a súa xestión con relativa rapidez.

De igual xeito, indicamos que no ámbito dos inspectores de matadoiro, a antelación coa que deben pedir o desfrute de asuntos particulares e totalmente excesiva e un agravio co resto de persoal, de tal forma que se deben solicitar ata con 15 días de antelación, o que desvirtúa completamente o senso deste tipo de permiso.

Os representantes da Administración son conscientes desta situación pero indican que é complicado encontrar de xeito rápido un substituto para cubrir eses días e que esta cuestión depende das listas de Función Pública, e polo tanto da normativa que regula as mesmas así como os permisos de asuntos propios.





    Escribenos: info@asvef.gal
asvef.gal
  Camiño Vello de Castella 4, - Pontevedra
36002 - Pontevedra